Friday 26 de April de 2024

A XVI San Silvestre de Noia estrea cara solidaria recollendo alimentos para Cáritas


 

A XVI San Silvestre de Noia incorpora este ano un carácter solidario, posto que a proba organizada polo Club Atletismo Noia coa colaboración co Concello recollerá alimentos para as persoas usuarias dos servizos de Cáritas na localidade. Na presentación desta mañá no consistorio, a concelleira de Deportes, Laura Salgado, e o presidente de Cáritas Noia, Juan Carlos Pérez Oviedo, animaron a toda a poboación a participar.

A San Silvestre, que non ten carácter competitivo, comezará na Alameda ás 17:00 horas do martes 31 de decembro. Percorrerá a zona antiga de Noia para proseguir polo paseo marítimo e retornar ata a Casa do Concello. En total son uns tres quilómetros aptos para que os percorran todo tipo de participantes, independentemente da súa condición física.

Todas as persoas que se queiran inscribir na San Silvestre, e tamén quen queira colaborar aínda que non participe na proba, deberán achegar polo menos un produto alimenticio. Deben ser artigos envasados que non superasen a súa data de caducidade nin de consumo preferente. Todas as doazóns serán entregadas aos responsables de Cáritas en Noia ao final da proba.

A concelleira de Deportes, Laura Salgado, destacou a vinculación entre solidariedade e deporte e eloxiou “o labor tan importante que efectúa Cáritas en Noia, que resulta imprescindible para a xente con máis necesidades do municipio”. Juan Carlos Pérez Oviedo, presidente de Cáritas na localidade, agradeceu “a colaboración que nos presta o Concello durante todo o ano” e explicou que os alimentos obtidos “virannos moi ben e xa comezaremos a repartilos nos primeiros días de xaneiro”. Pérez Oviedo lembrou que Cáritas atende en Noia un centenar de familias, que suman un conxunto de 234 usuarios e usuarias.